Sinopsis
O lapis do carpinteiro é unha historia de amor, melancolía e liberdade. Un grande amor en tempo de guerra e posguerra que chega ós nosos días entre Marisa Mallo, unha fermosa moza de Fronteira, filla dunha familia reaccionaria e o médico republicano Daniel Da Barca, posuídor da beleza tísica e seguidor da teoría da realidade intelixente do doutor Nóvoa Santos. Fronte a eles a mirada escrutadora dun home que non tiña medo, Herbal, o garda da cadea da Falcona que verá restaurada a súa condición de ser humano por obra e gracia de tantas formas de amor como o lapis do carpinteiro lle foi ensinando a debuxar. O lapis do carpinteiro é testemuño dunha traxedia curativa, unha metáfora de tódalas guerras, unha loita contra o esquecemento que demostra o poder salvífico do amor. Esta excepcional novela ficará no lector gravada coma un engrama, coma o sulco dunha cicatriz que rescata o mellor da nosa memoria.
Acerca del autor
Manuel Rivas (A Coruña, 1957) é escritor e xornalista. A súa obra, escrita en galego, está traducida a máis de trinta linguas e publicada polas máis prestixiosas editoras literarias do mundo. Como narrador ten publicados os seguintes títulos: «Todo ben» (Xerais, 1985, 2010); «Un millón de vacas» (Xerais, 1989, 2023), Premio da Crítica Española; «Os comedores de patacas» (Xerais, 1991, 2021); «En salvaxe compaña» (Xerais, 1994, 2008), Premio da Crítica Galicia; «Que me queres, amor?» (1996), Premio Torrente Ballester e Premio Nacional de Narrativa; «O lapis do carpinteiro» (Xerais, 1998, 2016), Premio da Crítica Española, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Premio Arcebispo Xoán de San Clemente, Premio 50 aniversario da sección belga de Amnistía Internacional (2001); «Ela, maldita alma» (1999); «A man dos paíños» (Xerais, 2000); «As chamadas perdidas» (Xerais, 2002); «Contos de Nadal» (Xerais, 2003); «Os libros arden mal» (Xerais, 2006), Premio Ánxel Casal ao Libro do Ano, Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano, Premio da Crítica, Premio Mellor Libro do Ano Libreiros de Madrid, Premio da Crítica Galicia, Premio Losada Diéguez, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega; «Todo é silencio» (Xerais, 2010), «As voces baixas» (Xerais, 2012), «O último día de Terranova» (Xerais, 2015); «Vivir sen permiso e outras historias de Oeste» (Xerais, 2018), e «Tras do Ceo» (Xerais, 2024), Premio da Crítica Española 2024 e Premio Losada Diéguez 2025, a primeira novela dunha serie histórica que Manuel Rivas vertebra sobre o eixe da caza do home polo home e a depredación da natureza. En «O máis estraño» (Xerais, 2011) ten recompilados todos os seus relatos escritos ata ese momento. No ámbito da poesía, pódense destacar: «Libro do Entroido» (1980), Premio O Facho; «Balada nas praias do Oeste» (1985); «Mohicania» (1986); «Ningún cisne» (1989), Premio Leliadoura; «Costa da morte blues» (Xerais, 1995); «O pobo da noite» (Xerais, 1996); a antoloxía «Do descoñecido ao descoñecido. Obra poética (1980-2003)» (2003); «A desaparición da neve» (2009); «A boca da terra» (Xerais, 2015) e «O que fica fóra» (2021). Para lectorado infantil e xuvenil publicou varias obras: «Bala perdida» (1997; Xerais, 2016); «O sombreiro Chichiriteiro» (Xerais, 2009); «O raposo e a mestra» (Xerais, 2013); «O Chispas» (Xerais, 2020) e «A nena lectora» (Xerais, 2021). Cultivou tamén o xénero do ensaio, con títulos como: «No mellor país do mundo» (1991); «Toxos e flores» (Xerais, 1992); «Galicia, Galicia» (Xerais, 1999); «Muller no baño» (Xerais, 2002); «Unha espía no reino de Galicia» (Xerais, 2004); «Os Grouchos» (Xerais, 2008); «A corpo aberto. Unha ollada «indie» do local universal» (Xerais, 2008); «Contra todo isto. Un manifesto rebelde» (Xerais, 2018) e «Zona a defender. A esperanza indócil» (Xerais, 2020). É codirector da revista «Luzes». En 2024 foille concedido o Premio Nacional das Letras Españolas.
"Sobre este título" puede pertenecer a otra edición de este libro.