Sinopsis
Sol de Inverno, a obra coa que Rosa Aneiros gañou o Premio Xerais 2009, é unha novela comprometida, densa e cun pouso de lirismo que debuxa o periplo vital dunha personaxe: Inverno. A protagonista habita diversos escenarios que nos conducen desde a perdida aldea de Antes a Barcelona, para relatarnos a crueldade da guerra; e logo ás circunstancias da fuxida a Francia; ao emblemático barco Ipanema; ao longo exilio cubano; á revolución castrista; e mesmo á viaxe ao París do maio do 68. Será en Cuba onde atopamos o pouso da emigración e dos descendentes dos cimarróns, da memoria infinita da tata Luzdivina e do cheiro das follas de tabaco do bisavó Andrés, un escenario clave para entender a singradura dunha protagonista que turra por volver a Antes. Para o xurado do Premio Xerais 2009 "Sol de Inverno constrúe un mundo simbólico e máxico polo que deambulan seres entrañables para crear un relato de pulso vagoroso, que reborda nun potente río de historias. A memoria do exilio, as súas voces e as súas feridas, que Inverno debe lamber unha e outra vez, marcan o pulso desta novela que destaca pola rebeldía dos personaxes na defensa dos ideais e da xustiza."
Acerca del autor
Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. Colabora habitualmente en distintos medios de comunicación. En 1999 presentou a súa primeira novela, «Eu de maior quero ser», á que seguiron «Corazóns amolecidos en salitre» (2002); «Resistencia» (Xerais 2003), Premio Arcebispo Xoán de San Clemente 2003; «O xardín da media lúa» (2004); «Veu visitarme o mar» (Xerais 2004); «Ás de bolboreta» (Xerais 2009), Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro xuvenil 2009 e Premio The White Ravens (Internationale Jugend Bibliothek) 2010; «Sol de Inverno» (Xerais, 2009), Premio Xerais de Novela; e «Sibila» (Xerais, 2021). En 2013 publica o primeiro título da triloxía «Ámote Leo A.»: «Ámote Leo A. Destino xalundes» (Xerais, 2013), ao que seguiron «Ámote Leo A. Estación de tránsito» (2014) e «Ámote Leo A. Terminal de chegadas?» (2014). Na colección Sopa de Libros de Xerais publicou «Orestes perde o sentido!» (2019) e, na colección Merlín, «A batalla da pequena Chañan Curi Coca» (2017), «Xelís, o guieiro das botellas de mar», Premio Merlín de Literatura Infantil 2019, «Tres bichicomas, dúas illas e unha serea» (2020), Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2018, e «Catro plumas de dinosauro» (2022). Con «Sibila» (Xerais 2021), publicada na colección Narrativa, retoma a narrativa para publico adulto.
"Sobre este título" puede pertenecer a otra edición de este libro.