Sinopsis
Cando Uxío Novoneyra publicou Os Eidos, en 1955, a súa voz converteuse de inmediato nunha das máis intensas, renovadoras e salientables da poesía galega. En Os Eidos agroma unha poesía limpa, concisa e breve, que asenta nunha profunda identificación entre o poeta e a natureza, e que nos vai mostrando, desde un certo ensoñamento de quen escribe, un intimismo radical ligado á terra e aos sentimentos de pertenza a esta. Un libro de fondo silencio, esencial, cósmico, universal, irrepetible. A presente edición, preparada con motivo do "Ano Novoneyra 2010", recolle fielmente os contidos da edición Os Eidos. Libro do Courel, editada por Edicións Xerais de Galicia en 1981, e revisada ao longo das décadas de 1980 e 1990 polo autor.
Acerca de los autores
Uxío Novoneyra (Parada do Courel, 1930 - Santiago de Compostela, 1999) é un dos grandes nomes da poesía galega contemporánea. Desde a publicación do seu libro Os Eidos en 1955, a súa obra converteuse nun punto de referencia inevitable para a literatura galega. Ademais dese libro, o seu corpus literario componse dos seguintes poemarios: Elegías del Caurel y otros poemas (ed. bilingüe, 1966), Os Eidos-2 (1974), Poemas caligráficos (1979), Os Eidos. Libro do Courel (Xerais 1981, 2010), Muller pra lonxe (1986), Do Courel a Compostela. 1956-86 (1988), Tempo de elexía (1991), Poemas da doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras (1994), Poema dos Caneiros (1998) e Arrodeos e desvíos do camiño de Santiago e outras rotas (1999). Así mesmo, é coautor dos libros Camelio xaponés (1995) e Onde só queda alguén pra aguantar dos nomes (1999). A súa visión da poesía e da súa propia obra déunola en Dos soños teimosos (1998, Xerais 2010). Tamén é autor de tres libros destinados aos lectores infantís: No cubil do xabarín (1991), Gorgorín e cabezón (1992) e Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín (1998).
Carmen Blanco (Lugo, 1954) é autora de poesía, narrativa e ensaio. Como poeta publicou as mostras da súa obra poética en marcha Estraña estranxeira (2004), Un mundo de mulleres (2011) e Lobo amor (2011). Como narradora publicou a recreación de contos clásicos Vermella con lobos (Xerais, 2004) e a novela patchwork de microrrelatos Atracción total (Xerais, 2008). Como ensaísta publicou os libros Conversas con Carballo Calero (1989), Literatura galega da muller (Xerais, 1991), Carballo Calero: política e cultura (1991), Escritoras galegas (1992), Libros de mulleres. (Por unha bibliografía de escritoras en lingua galega: 1863-1992), (1994), O contradiscurso das mulleres (1995), Nais, damas, prostitutas e feirantas (Xerais, 1995), Mulleres e independencia (1995), Luz Pozo Garza: a ave do norte (2002), Alba de mulleres (Xerais, 2003), Sexo e lugar (Xerais, 2006), María Mariño. Vida e obra (Xerais, 2007), Casas anarquistas de mulleres libertarias (2007), Uxío Novoneyra, (2009), Novoneyra: un cantor do Courel a Compostela. O poeta nos lugares dos seus libros (2010) e Feministas e libertarias (2010). É autora de moi diversas edicións de ensaio e poesía, como María Mariño (2007) ou, con Claudio Rodríguez Fer, Con pólvora e magnolias (Xerais, 1976) de X. L. Méndez Ferrín, e Os eidos (Xerais, 1990) de Uxío Novoneyra, e , en solitario, Códice Calixtino (Xerais, 1991) de Luz Pozo Garza ou a mostra bilingüe Extranjera en su patria. Cuatro poetas gallegos. Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Luís Pimentel, Luz Pozo Garza (2004). Publicou numerosas introducións e prólogos, e colaborou en moi variados libros colectivos, xornais e revistas. Co seu nome ou co heterónimo Emma Luaces publicou versións de Safo, José Ángel Valente ou José Agustín Goytisolo, e poemas da serie "Lobo azul". Deseñou os libros Tigres de ternura (1981, 1982) de Rodríguez Fer e ilustrou Historia da lúa (1984), Vulva (1990) e A muller núa (1992), así como o Manifesto por un movemento vital (1990) deste mesmo autor. E fixo o logotipo de Unión libre.
Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956) é poeta, narrador, ensaísta e autor teatral. Foi catedrático de ensinanza media en Galicia e profesor das Universidades da Cidade de Nova York, da Bretaña Sur en Lorient e da Alta Bretaña en Rennes, por onde foi investido Doutor Honoris Causa. Exerce na Universidade de Santiago de Compostela, na que dirixe a revista literaria Moenia e a Cátedra Valente de Poesía e Estética. Coordina Unión Libre. Cadernos de vida e culturas. Traducido a numerosos idiomas, recibiu, no terreo poético, o Premio da Crítica Española; no investigador, por dúas veces o Premio Losada Diéguez, e, no académico, o Premio Extraordinario de Doutoramento. Como poeta, agrupou as súas obras en ciclos temáticos: o erótico en Vulva (1990), que contén Poemas de amor sen morte (1979), Tigres de ternura (1981), Historia da lúa (1984), A boca violeta (1987) e Cebra (1988); o fílmico en Cinepoemas (Xerais, 1983); o histórico na Triloxía da Memoria, conformada por Lugo blues (1987), A loita continúa (Xerais, 2004) e Ámote vermella (Xerais, 2009), e o nómade, integrado por Extrema Europa (1996), A unha muller descoñecida (1997), Viaxes a ti (2006) e Unha tempada no paraíso (2010), este último editado cun estudo de Olga Novo. Reuniu toda a súa obra poética verbal en Amores e clamores (2011) e expuxo e publicou poesía visual, ademais de editar co pintor surrealista Eugenio Granell a obra Rastros de vida e poesía (2000). Como narrador publicou Meta-relatos (Xerais, 1988), Os paraísos eróticos (2010) e outras narracións reunidas no libro en Contos e descontos (2011), e como autor teatral editou e representou As costureiras (2006). Como estudoso publicou Antonio Machado e Galicia (1989), Poesía galega (Xerais, 1989), Arte literaria (Xerais, 1991), Comentarios de textos contemporáneos (Xerais, 1992), Comentarios de textos populares e de masas (Xerais, 1994), A literatura galega durante a guerra civil (Xerais, 1994), Acometida atlántica (1996), Guía de investigación literaria (1998), Borges dende o labirinto galego (2009), etc. Ademais realizou numerosos libros e edicións en torno ao narrador Ánxel Fole -A Galicia misteriosa de Anxel Fole (1981), Contos de lobos (Xerais, 1985), Ánxel Fole. Vida e obra (Xerais, 1997), Ánxel Fole. Unha fotobiografía (Xerais, 1997), O mundo lucense de Ánxel Fole (1997), Obra galega completa (1997), Obra literaria completa (2003), etc.- e ao poeta José Ángel Valente -Cántigas de alén (1987), José Ángel Valente (1992), Material Valente (1994), Valente: el fulgor y las tinieblas (2008), Cuaderno de versiones (2001), Cima del canto (2002), Obras completas. Ensayos (2008), etc.-, entre outros escritores galegos (Castelao, Pimentel, Dieste, Carballo, Ángel Johan, Blanco Torres, Novoneyra, Méndez Ferrín) e non galegos: A lenda do Gran Inquisidor, de Dostoievski (Xerais, 1998).
"Sobre este título" puede pertenecer a otra edición de este libro.