Sinopsis:
Preséntanos agora un libro de relatos, Cemiterio de elefantes, unha excelente crónica sobre o mundo da noite e dos noctámbulos. O libro estende a súa trama narrativa en torno a ese mundo máxico, sinistro, encantador, misterioso e atractivo que é a noite. A acción do primeiro relato comeza ás 12.00 AM, cando a noite cae sobre a cidade, e o último remata pasadas as 8.00 AM, co amencer dun novo día. A través de nove contos diferentes pero habilmente entrelazados entre si, vai transcorrendo a vida nocturna dunha cidade, con todo o seu poder e a súa forza deslumbrante, pero tamén con toda a traxedia e a dor dos seus personaxes. Entre almas perdidas, corazóns solitarios, noctámbulos, insomnes, prostitutas, marxinados, as páxinas de Cemiterio de elefantes constrúen historias densas, marcadas polo pulular dunha fauna de noctámbulos que se move con espírito furtivo por pubs, discotecas, programas de radio nocturnos, e por escenarios diversos, poboados por varrendeiros, xornalistas, estudiantes ou camareiros. Relatadas con realismo, con humor, con actualidade, as historias urbanas e nocturnas de Cemiterio de elefantes móvense con fluidez entre a Galicia eterna e a Galicia moderna, escritas cun sorprendente estilo persoal que combina o interese da acción co suxestivo do xogo literario. O autor aposta por unha literatura vitalista, conectando coa súa obra literaria anterior, para afondar nunha poética persoal e nunha liña temática e semántica de seu que, de seguro, divertirá e satisfará ó lector.
Acerca del autor:
Fran Alonso (Vigo, 1963) comezou a súa traxectoria como escritor ao gañar o Premio Blanco Amor de Novela en 1991 con «Tráiler» (Xerais). Desde entón publicou novelas, libros de relatos, poesía, literatura infantil, xuvenil e libros de xornalismo. A súa obra está guiada sempre por unha actitude innovadora. En 1994 publicou o libro de relatos «Cemiterio de elefantes» (Xerais, 1994) e logo viñeron a novela «Silencio» (1995-Xerais, 2014), «O brillo dos elefantes» (Xerais, 1999), «Males de cabeza» (Xerais, 2001), «Cartas de amor» (Xerais, 2006), «Ninguén» (Xerais, 2011) e «A punta de pistola» (Xerais 2012), que foi XII Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia, así como as biografías «A vida secreta de María Mariño» (Xerais, 2007), «Folerpas de Novoneyra» (Xerais, 2010) e «A voz que vén da seitura» (libro-CD, 2007). No ámbito do xornalismo, publicou os libros «Territorio ocupado» (Xerais, 1998), «Un país a medio facer» (Xerais, 2008) e «Contesta ou disparo» (e-book, 2011). A súa obra poética deuse a coñecer coa publicación, en 1992, de «Persianas, pedramol e outros nervios» (1992), ao que seguiron «Tortillas para os obreiros» (1996), «Cidades» (Xerais, 1997), «Subversións» (Xerais, 2001), «Balada solitaria» (2004), «O meu gato é un poeta» (libro-CD, Xerais, 2011), « Poemas birollos para ler cos ollos» (Xerais, 2016), «Terraza» (Xerais, 2017), e «Transición» (libro-CD, 2011). Tamén é autor da coñecida antoloxía «Poetízate» (Xerais, 2006), que se converteu nun best-seller, e dos álbums ilustrados «A casa da duna» (Xerais, 2002) e «A araña e mais eu» (2009). En 2021 publica o ensaio para lectorado infantil e xuvenil «Douche a miña palabra (Xerais, 2021). Así mesmo é colaborador de diversos medios de comunicación, activista a favor da lectura, realizou o deseño e ilustracións dalgúns dos seus libros e leva a cabo diversos espectáculos poéticos. A súa obra está traducida a varias linguas.
"Sobre este título" puede pertenecer a otra edición de este libro.